13/6/09

¿A onde imos?

Houbo un tempo en que, iluso de min, pensaba que os alumnos irían aos centros cos seus portátiles baixo o brazo sen esas monstruosas mochilas sobre as súas costas. A mediados dos oitenta, curioso por coñecer esas máquinas que tanto me atraían comecei a fedellar cos ZX Spectrum, logo un Amstrad CPC gobernado por un "moderno" CP/M, co que aprendín a programar o meu primeiro Basic.
Máis tarde, aquel Schneider Europc sen disco duro onde afondei nas bases de datos con Dbase II.
Cando o grande OS/2 de IBM comezaba a competir contra o "traidor" Bill Gates e o seu ridículo Windows 1.0 empecei a enxergar o que se nos viña enriba, que non era outra cousa que o poder da mercadotecnia sobre a calidade, e así ata hoxe...

A informática e as comunicacións acabaron por formar parte da nosa vida cotiá, menos na escola...
Todos sabemos que a escola é lenta e pesada. A principios dos 90 instalei un BBS (Bolletin Board System) con multitude de ficheiros educativos pensando que alguén podería necesitalos. Tamén creei un sitio web con centos de enlaces educativos organizados.... quizais era pronto... pero penso que mesmo agora tamén pode ser pronto...

Os que traballamos coas novas tecnoloxías aplicadas á educación comentamos en moitas ocasións, con certo escepticismo, que somos como unha pequena illa no medio dun océano. Creamos cousas que logo apenas se utilizan, simplemente porque os que as teñen que utilizar non están preparados para facelo.

Agora fálase de pizarras dixitais, igual que no seu tempo se falaba do video ou do DVD, ou os proxectores (ou canóns de video) tan utilizados para poñer películas ou aburridas diapositivas de Powerpoint. Todas elas ferramentas interesantes e con potencial poder educativo pero ás que non se lles sacou, en xeral, gran partido.
Dúas razóns, a meu entender, son a causa. A primeira é a pouca implicación do profesorado tanto pola súa baixa formación no uso tanto práctico como pedagóxico dos medios, coma polo seu temor ao descoñecido.
A segunda razón é a falta nos centros dun encargado de mantemento tecnolóxico que teña a punto en todo momento este arsenal pedagóxico e dinamice e promova a súa axeitada utilización.
Solo hai que ver o que pasa con moitas aulas de informática dos nosos centros, nalgúns casos mantidas por voluntariosos profesores e noutros moitos abandoadas por estar pouco operativas a causa de estragos en hardware ou software.

Dous son, pois, ao meu entender, as accións que promoverían un maior aproveitamento dos recursos tecnolóxicos no ensino. Por unha parte a potenciación da formación do profesorado en horario lectivo e por outra a dedicación exclusiva ou case exclusiva dun profesor técnico que dinamice e manteña os recursos tecnolóxicos tanto no que se refire a hardware, software ou a formación do profesorado no aproveitamento didáctico dos novos medios.

Dende logo non hai que obviar o grande poder do ordenador e as súas implicacións educativas. Internet facilítanos constantemente novas e atractivas ferramentas de creación de contidos. É o boom da tan mencionada "web 2.0" como no seu día o foron as "páxinas web" ou os CMS.
Todo vai pasando pero apenas o aproveitamos.

Cando comecei a utilizar os ordenadores no ensino recordo o grande poder motivador destas tecnoloxías entre o alumnado. Agora observo unha tendencia diferente. Os alumnos xa non os ven da mesma forma. Séntanse ante eles con menos asombro e curiosidade, os cales xa non xogan ao noso favor.
É máis, comentándoo con algúns compañeiros coincidimos na "aversión" que moitos alumnos teñen ao bolígrafo. A mesma que eu lle teño despois de tantos anos defendéndome a golpe de teclado.

Pasamos dos programas executables nos equipos ás aplicacións executables na web. Dos artigos en revistas especializadas aos blogues persoais. Das enciclopedias en CD-Rom aos Wikis. Do software de pagamento ao software gratuíto. Do correo electrónico e a mensaxería instantánea ás redes sociais. Da pasividade dos usuarios á súa actividade como creadores de contidos.

E máis cambios que se produciron e que se están a producir nestes momentos, e aos cales, por desgracia, a escola é practicamente allea.

Ao parecer os alumnos terán agora facilidades para adquirir portátiles que poderán levar ás súas casas... ¿para xogar?...

No hay comentarios: