29/8/10

¿Hai solución?

Dende o meu punto de vista, nunha reforma educativa global hai tres aspectos de cambio importantes que, de poder instaurarse, poderían supoñer, sen dúbida, unha mellora do sistema educativo no seu conxunto, e poderían evitar, en gran parte, a excesiva cantidade de fracasos educativos (tanto de profesores, alumnos, pais, sistema,...) que se producen cada vez con máis frecuencia.

Empezamos por abaixo: hai certa unanimidade en considerar que a formación recibida na educación infantil por parte dos nosos alumnos é máis que aceptable. O problema prodúcese ao chegar ao primeiro ciclo de primaria. Ese primeiro ciclo onde case ningún profesor quere traballar, ese ciclo onde os nenos e nenas teñen que aprender a ler e a escribir, e onde nos centros acaba por traballar, xeralmente, o que menos experiencia ten.

Se a iso engadimos a formación recibida nas escolas de maxisterio (do que falaremos máis adiante), atopámonos con profesores cunha formación baseada específicamente no temario da oposición, con xuventude e ganas, pero sen experiencia para afrontar un ciclo IMPORTANTÍSIMO polo que leva consigo: a adquisición da lectoescritura e as destrezas básicas para o resto de aprendizaxes.
Iso produce, en moitos casos, alumnado que vai arrastrando carencias e problemáticas de curso en curso.

Nalgún país nórdico famoso polos seus altos resultados académicos en famosas enquisas (Vg. PISA), o profesorado deste ciclo é fixo, con especialidade propia, e cun soldo maior, dadas as súas responsabilidades e cometidos.
Eiquí non, eiquí subástanse os cursos ó empezar o curso escolar, e os últimos que quedan son os de sempre, os que dan máis traballo, os que todos sabemos...

Por outra parte atopamos, en secundaria, un profesorado cunha formación pedagóxica insuficiente, en moitos casos, desbordado polos acontecementos, e que, evidentemente non é responsable dos descoidos dun sistema que non os preparou para motivar aos seus alumnos, reforzar as aprendizaxes, resolver conflitos na aula ou traballar en equipo para dotar aos centros de instrumentos colectivos para mellorar a convivencia, porque, simplemente, a comprensividade ainda era, y é, algo moi difícil de poñer en práctica de forma exitosa, ainda que apliquemos parches en forma de desdobres, diversificacións, PCPI´s ou reforzos.

O profesorado de primaria, en Finlandia, por exemplo, ten 6 anos de carreira universitaria. Nuns cantos países europeos con boa tradición en formación secundaria a formación do seu profesorado faise en universidades específicas ao efecto.
Agora fálase dun máster en "receitas para ensinar" para os que rematan unha carreira e queren optar a ser profesores de secundaria.
Quizais dotar ás carreiras de X créditos de formación pedagóxica sería máis prudente.
Non sei. A educación é algo moi importante. A miña opinión é que o profesorado debería obter a súa formación en universidades para profesorado.

E aquí fío coa terceira reforma que considero importante. A formación nas escolas de maxisterio está impartida por moitísimas persoas que nunca pisaron unha aula nin de primaria nin de infantil, ou si a pisaron xa fai tempo delo.
Tiven unha profesora en maxisterio que chegaba todos os días co seu libro verde e líanos cada día un capítulo enteiriño (debía ser para facernos durmir).
Isto non pode ser. Eu, persoalmente nunca me formulase traballar como orientador se antes non tivese ao meu cargo un grupo de alumnos.
Pasei por educación de adultos, secundaria (con 38 alumnos de 4º de ESO na mesma aula), ciclos formativos, primaria (mesmo como titor en 1º, con alumnos con problemáticas importantes), e infantil. Teño perspectiva, e iso fai que cando falo cun titor sei de qué falo e con quén falo. Quero dicir, que explicar teorías sen experimentalas na práctica, resulta, ata certo punto, temerario. Hai profesores con sólida experiencia docente en primaria e infantil, con e sen titulación universitaria en pedagoxía, psicoloxía e psicopedagoxía que poderían realizar un extraordinario papel neste aspecto.

Fanse remendos, como cando atallamos os problemas de forma individual en lugar de facelo de forma global, contextual. Moitas veces resólvense os problemas a medida que se producen sen facer prevención. Un neno ten problemas de aprendizaxe e intervense sobre ese neno, e despois sobre outro e así sucesivamente.
Pero, ¿qué se fai para intervir dende fóra, dende as institucións, dende as familias?.
Creo que debe producirse un cambio de perspectiva, estamos tan metidos no bosque que apenas temos visión de conxunto.

5 comentarios:

Anónimo dijo...

Estou dacordo, sobre todo no da formación do profesorado. Creo que fai falta máis formación práctica.

fernando machado dijo...

estreno o teu blog. completamente de acordo. nun dos meus centros estamos pensando en plantexar para o ano unha medida un pouco radical. en vez de que baixen os de primaria a apoiar en infantil, que sexan os de infantil os que SUBAN a apoiar en 1º e 2º. Temos que madurar a idea pero en principio aproveitaríamos as horas que poidan librar en infantil para que asesorasen/guiasen ao profesorado do 1º ciclo na realización dos proxectos. Ademáis non se empezaría con libros de texto en 1º ata xaneiro e só cos instrumentais linguas e mates. Un saudo e felicidades polo teu espazo. fernando machado

rober dijo...

Paréceme unha idea estupenda, Fernando. Tomo nota, porque o profesorado de infantil pode aportar moitísimo nesta coordinación co 1º Ciclo.

Anónimo dijo...

Olá Roberto, pois a verdade é que estou dacordo contigo no tema da prevención, faime graza porque porposlle aos profes que che digan as súas necesidades de aula para poder facer programas de prevención, e din que non necesitan nada. E de repente pasa unha semana e chegan as demandas individuais.

E as familias chegan botando pestes da escola, encántame a situación: onde está a sensatez? o equilibrio?

Sigue a traballar como o fas, porque eu quero aprender de ti. Son Almudena Blanco Areas.

Unha admiradora do teu traballo e dos teus mentores como Suárez Yañez.

rober dijo...

Ola, Almudena, son Roberto, a verdade é que non creo que aprendas moito de min xa que non teño a experiencia suficiente como para iso, pero grazas de todas formas. Bicos, Roberto