18/2/11

¿Qué ensinamos?

En Galicia, non hai establecida na lexislación indicación algunha acerca das asignaturas ou materias mínimas para promocionar.

Con respecto ao paso á secundaria obrigatoria, na Orde do 23 de novembro de 2007 pola que se regula a avaliación na educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, indica que:

  1. O alumnado promocionará á etapa de educación secundaria obrigatoria se alcanzou o desenvolvemento correspondente das competencias básicas, os obxectivos da educación primaria e un adecuado grao de madurez.
  2. Accederase igualmente cando as aprendizaxes non alcanzadas non sexan un obstáculo para seguir satisfactoriamente a nova etapa. Neste caso, a persoa titora, no informe persoal, precisará as dificultades presentadas e os obxectivos da etapa non logrados, así como as medidas adoptadas ata ese momento a fin de que o centro receptor poida establecer as medidas necesarias de reforzo.

Póñovos os obxectivos da etapa de educación primaria tal como veñen especificados no Decreto 130/2007 polo que se establece o currículo de Ed. Primaria a efectos de comprobar si o alumno acada ou non estes obxectivos.

Resalto en negrita cousas que teñen que ver co carácter funcional do currículo e das aprendizaxes acadadas, así como a importancia que se lle conceden aos coñecementos emocionais dende os obxectivos globais:


Os obxectivos da educación primaria estarán encamiñados ao logro da  adquisición, por parte de todo o alumnado, das capacidades que permitan:

a) Coñecer e apreciar os valores e as normas de convivencia, aprender a obrar de acordo con elas, prepararse para o exercicio activo  da cidadanía e respectar os dereitos humanos, así como o pluralismo propio dunha sociedade democrática. 

b) Desenvolver hábitos de traballo individual e de equipo, de esforzo e de responsabilidade no estudo, así como actitudes de confianza en si mesmo, sentido crítico, iniciativa persoal, curiosidade,  interese e creatividade na aprendizaxe. 

c) Adquirir habilidades para a prevención e para a resolución pacífica de conflitos que lle permitan desenvolverse con autonomía no ámbito familiar e doméstico, así como nos grupos sociais con que  se relaciona.

d) Coñecer, comprender e respectar as diferentes culturas e as diferenzas entre as persoas, a igualdade de dereitos e oportunidades  de homes e de mulleres e a non-discriminación de persoas con  discapacidade.

e) Coñecer e utilizar de xeito apropiado a lingua galega, a lingua  castelá e desenvolver hábitos de lectura. 

f) Adquirir en, polo menos, unha lingua estranxeira a competencia  comunicativa básica que lle permita expresar e comprender mensaxes sinxelas e desenvolverse en situacións cotiás. 

g) Desenvolver as competencias matemáticas básicas e iniciarse na  resolución de problemas que requiran a realización de operacións  elementais de cálculo, coñecementos xeométricos e estimacións,  así como ser capaz de aplicalos a situacións da súa vida cotiá. 

h) Coñecer e valorar o seu contorno natural, social e cultural, así  como as posibilidades de acción e de coidado deste, con especial  atención á singularidade de Galicia. Coñecer mulleres e homes que  realizaron achegas importantes á cultura e sociedade galegas. 

i) Iniciarse na utilización, para a aprendizaxe, das tecnoloxías da  información e da comunicación, desenvolvendo un espírito crítico  ante as mensaxes que recibe e elabora. 

j) Utilizar diferentes representacións e expresións artísticas e iniciarse na construción de propostas visuais. 

k) Valorar a hixiene e a saúde, aceptar e aprender a coidar o propio  corpo e o dos outros, respectar as diferenzas e utilizar a educación física e o deporte como medios para favorecer o desenvolvemento persoal e social. 

l) Coñecer e valorar a flora e a fauna, en especial a presente na  Comunidade Autónoma de Galicia, e adoptar modos de comportamento que favorezan o seu coidado. 

m) Desenvolver as súas capacidades afectivas en todos os ámbitos  da personalidade e nas súas relacións coas demais persoas, o  valor da corresponsabilidade no traballo doméstico e no coidado das outras persoas, así como unha actitude contraria á violencia,  aos prexuízos de calquera tipo e aos estereotipos sexistas. 

n) Fomentar a educación vial e actitudes de respecto que incidan na  prevención dos accidentes de tráfico.


De estes 14 OBXECTIVOS de etapa que marca a lei, ¡soamente 5 teñen que ver con contidos que tradicionalmente se dan nas aulas de xeito preponderante!. ¡OS OUTROS 9 OBXECTIVOS TEÑEN QUE VER CON CONTIDOS DE CARÁCTER TRANSVERSAL!.

Sinceiramente, o tempo invertido, ¿ten que ver con isto?. ¿Reflexan realmente os libros de texto o que realmente temos que ensinar segundo a lexislación priorizando en consoancia co que a lei di?.  Creo que non.

¿De verdade ensinamos estes importantes contidos transversais tal como a lei indica ou nos seguimos a centrar fundamentalmente en contidos de carácter meramente conceptual?.

Está claro que os obxectivos da educación primaria van máis encamiñados a mellorar a intelixencia emocional dos nosos alumnos e a súa capacidade real para interaccionar de forma funcional co seu contorno máis que con seguir pautas conceptuais de papel e libreta máis propias da educación que se daba no século XIX.

En fin, unha opinión persoal para reflexionar en torno a utilidade do curriculo e ao aproveitamento do mesmo para intervir nas realidades educativas dos centros.

1 comentario:

Desde o foro dijo...

Ese é o principal problema da LOE e dos documentos que se desenvolver a partir da mesma. É unha lei moi cargada en contidos, que propón avaliar por competencias.Ao mellor o que temos que cambiar moitos docentes é o método de ensino/aprendizaxe!!!