Dende o meu punto de vista, nunha reforma educativa global hai tres aspectos de cambio importantes que, de poder instaurarse, poderían supoñer, sen dúbida, unha mellora do sistema educativo no seu conxunto, e poderían evitar, en gran parte, a excesiva cantidade de fracasos educativos (tanto de profesores, alumnos, pais, sistema,...) que se producen cada vez con máis frecuencia. Empezamos por abaixo: hai certa unanimidade en considerar que a formación recibida na educación infantil por parte dos nosos alumnos é máis que aceptable. O problema prodúcese ao chegar ao primeiro ciclo de primaria. Ese primeiro ciclo onde case ningún profesor quere traballar, ese ciclo onde os nenos e nenas teñen que aprender a ler e a escribir, e onde nos centros acaba por traballar, xeralmente, o que menos experiencia ten. Se a iso engadimos a formación recibida nas escolas de maxisterio (do que falaremos máis adiante), atopámonos con profesores cunha formación baseada especí...